Sunday 05 de May de 2024

A Xunta renova o parque móbil da Policía Autonómica coa incorporación de 12 novos vehículos todoterreo



Alfonso Rueda fixo entrega dos coches, que mellorarán as condicións de traballo da unidade, integrada actualmente por 447 axentes

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe de 12 novos vehículos para a Unidade de Policía Autonómica.

Alfonso Rueda destacou que con esta incorporación contribuirase a unha importante renovación dos vehículos, tanto para a unidade central como para as delegacións, facilitando as condicións de traballo e o importante labor que desenvolve a policía autonómica, integrada actualmente por 447 axentes.

Trátase de vehículos todoterreo marca Dacia modelo Duster con tracción 4×4 e 110 CV que permiten un uso polivalente por parte da UPA, con toda a dotación necesaria para ser empregados seis deles como vehículos policiais rotulados e os outros seis como vehículos camuflados. Concretamente, distribuiranse dous vehículos (un camuflado e un rotulado) en cada sede: Santiago, Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Estes doce nove vehículos forman parte dun contrato de renovación do Parque Móbil da Xunta, asinado o pasado mes de decembro a través do sistema de leasing, que inclúe tamén 76 vehículos turismos. En atención a criterios de eficiencia e racionalización da xestión pública substitúense vehículos cunha antigüidade e unha quilometraxe media de 12 anos e 250.000 quilómetros respectivamente. Esta xestión conleva unha redución de preto do 10 por cento do parque existente en 2009, así como unha minoración dos gastos anuais en mantemento superior ao 18 por cento.

Actuacións da Policía Autonómica
O labor da Policía Autonómica abrangue eidos tan importantes para a vida cotiá dos cidadáns como o medio ambiente, menores, a loita contra os incendios forestais ou a loita contra o furtivismo, e o seu traballo incide directamente na calidade de vida dos galegos.

Con respecto aos incendios forestais, esta unidade policial imputou a un total de 71 persoas durante o pasado ano 2015. Cómpre sinalar que este corpo, como policía operativa contra os lumes forestais, despregou 274 efectivos polos montes galegos, nove axentes máis que o pasado ano. Destes axentes, 243 foron efectivos permanentes e os 31 restantes actuaron como reforzo nos casos de urxencia.

O Grupo de Menores da Policía Autonómica levou a cabo durante o ano pasado un total de 5.009 inspeccións a establecementos, das que derivaron un total de 538 denuncias por infraccións á Lei 11/2010 de prevención de bebidas alcohólicas en menores de idade. Do total de denuncias tramitadas, 226 foron á establecementos, pola venda e subministro de alcol á menores de idade, permitir a entrada ou estancia de menores no seu interior, nos casos en que non está permitida e nas promocións a baixos prezos das bebidas alcohólicas que incitan a un consumo abusivo.

Hai que ter en conta que a Policía Autonómica comezará a desenvolver con carácter inmediato axuda na loita contra a violencia de xénero coa incorporación á aplicación informática VIOGEN e coa posta en marcha Protocolo para a coordinación de actuacións e a cooperación entre a Unidade e a Policía Nacional para colaborar nas tarefas de protección directa ás vítimas. Para iso, efectivos da Policía Autonómica asistirán a xornadas de formación sobre a aplicación VIOGEN, e levarán a cabo na Agasp un curso de formación especializada, dirixido ao persoal que vai desenvolver tarefas neste ámbito.